Pleno ordinario 27-11-2023

CONTINUISMO nos ORZAMENTOS 2024 e SEN CONSERXE no GRUPO ESCOLAR

Segue a liña continuista, con orzamentos pechados impostos pola maioría gobernante, orientados fundamentalmente a manter a "estructura". Este ano con 2.100.000€, dos que máis de 1.136.000€ (un 54% do total) se destinarán a persoal, 248.500€ (un 12%) serán para amortización da débeda e 254.000€ para obras.  Negativa da alcaldía a que o concello contrate conserxe para o grupo.

1-Proposta do PP: orzamentos 2024 (por un total de 2.100.000 €)

         

O portavoz do BNG sinalou que no propio informe de intervención sobre do cumprimento da estabilidade orzamentaria se indica que o concello non cumpre as condicións de endebedamento para 2023, así como que nas bases de execución non se aclaran as condicións para a concesión de axudas, subvencións e premios ás distintas organizacións, asociacións ou clubes (orzamentadas en 6.000 €). Reducen a 2.400 € as axudas á natalidade, que a 600 € por neno só cubrirían ata 4 nenos.

O BNG resalta a cantidade destinada a persoal (1.136.000 €) que supón más do 54% do orzamento, mentres para inversións reais só se prevén 254.000 €. Todas as inversión obedecen a criterio exclusivo da alcaldía. Contemplan ademais outros 248.500 € para amortización de débeda.

Considera tamén desacertado que se manteña o continuísmo de anos pasados, sen buscar perspectivas de mellora, cando a situación vai a peor. Inclúen un salario elevado para un concelleiro do grupo de goberno, pero non a posible contratación dun conserxe para o grupo escolar. Seguen orientado os orzamentos a manter a inmensa estrutura que se foi creando entorno ao concello, sen novidades sobre o necesario desenvolvemento do polígono.

Para a alcaldía, son uns orzamentos realistas e axeitados para o concello.

Aprobada cos votos do PP (8) e voto en contra do BNG (3).

2- Moción do BNG para a contratación dun conserxe para o grupo escolar.

O grupo escolar está sen conserxe desde fai tempo, polo que non serven escusas, nin mirar para outro lado. Sobre todo se queremos manter a actual consideración dde “excelencia” para o grupo, se pensamos nas persoas que dirixirán o futuro inmediato ou nos beneficios dunha educación de calidade. A proposta solicitaba que o concello asuma a súa responsabilidade, xunto con Piñor, para contratar xa unha persoa, sexa con medios propios, sexa con axudas da Xunta.

A alcaldía para nada quixo saber deste asunto, manifestando que os custes do grupo son moi elevados para o concello e que non ía asumilos en ningún caso.

Rexeitada cos voto dos PP (8) e favorables do BNG (3)

3-ROGO do BNG para a modificación das bandas redutoras de velocidade instaladas en Cea.

Instaladas recentemente, sen sinalización axeitada, provocan impacto brusco nos automóviles. O BNG, estando sempre de acordo en mellorar a seguridade dos peóns, roga que se modifiquen para facer algo similar ao que vemos noutros concellos: elevacións sinaladas nos pasos de peóns, etc., que incrementan a seguridade peonil, sen provocar danos nos vehículos.

4-PREGUNTAS do BNG

Sobre: rozas solicitados en Viduedo (Eira dos Ferreños) e Vilaseco (Os Carrís), recuperación da fonte da Lama, futuro paso dos vehículos sobre a Ponte Mandrás,  restauración do seu forno, se ten pensado arranxar o problema das inundacións na casa sita na rúa Santo Cristo de Cea, actualización da páxina web do concello e apertura dese espazo á publicación dos plenos, propostas, acordos e máis información de interese para a veciñanza.