Cea reclama o cultivo de trigo do país para loitar contra o abandono do rural

O Concello de San Cristovo de Cea vén de rexeitar unha moción na que se propuña fomentar o cultivo de trigo do país para recuperar terras, fixar a poboación e tratar de acadar a Denominación de Orixe Protexida para o pan de Cea, motor económico da localidade que, como sinalan, está en horas baixas.
photo_camera O pan de Cea exerce de motor económico e atractivo turístico (Foto: Consello Reguladora Pan de Cea).

O pan de Cea foi o primeiro en lograr a Indicación Xeográfica Protexida (IXP), un selo de calidade que recentemente se fixo extensivo a todo o pan galego. Mais, o que debería ser un recurso para xerar riqueza non está a frear o declive do medio rural.

En Cea comeza a preocupar a falla de relevo xeracional en moitos dos obradoiros de pan. Algún deles xa botou o feche, pese a ser un produto recoñecido tanto dentro como fóra das nosas fronteiras e con boa demanda. 

Para tratar de darlle a volta a esta situación, o BNG de San Cristovo de Cea presentou unha moción no Concello para instar o Goberno local, do PP, a recuperar o cultivo de trigo en terras ermas do municipio nas que xa se cultivara antes.

A formación nacionalista defende que é "unha política lóxica, non só polo valor da produción deste cereal ou pola achega que puidese supor cara á consecución da Denominación de Orixe Protexida, senón porque tamén axudaría a limpar amplas zonas, abrir novas pistas e mellorar os camiños existentes, evitar os lumes e mesmo mellorar as condicións cinexéticas.

A pesar de todas estas bondades, o alcalde e os concelleiros e concelleiras do PP en San Cristovo de Cea evitaron tan sequera debater a moción presentada polos nacionalistas e votaron en contra sen argumentar motivo algún

Alternativa viábel

Como explica a Nós Diario Elvira Fernández, concelleira do BNG en San Cristovo e asinante da moción, a localidade perde, segundo os datos do padrón municipal, unha media de cincuenta habitantes ao ano e "non hai relevo para a xente dos fornos que se xubila". Revitalizar o campo e sacar proveito das terras paradas é unha das alternativas para darlle a volta a esta situación. "O da Denominación de Orixe é para darlle máis valor e evitar que a tradición se perda", apunta Fernández, quen lembra que a Covid levou moita xente a comprar casas nas aldeas, "pero se ven que non hai vida, non se animan", resalta a edila.

Na proposta rexeitada polo Goberno local, advertíase da "urxente" necesidade de buscar fórmulas de actuación para recuperar un sector primario "á deriva", procurando a súa optimización, con plantacións de produtos autóctonos e de calidade.

Ademais, no caso do trigo, argumentan, facilitaría o logro da Denominación de Orixe Protexida (DOP) para o pan de Cea, que conta na actualidade coa Indicación Xeográfica Protexida (IXP), pero que non pode optar á DOP precisamente por carecer o Concello de cultivo de trigo autóctono, xa que incumpre o requisito de que "produción, transformación e elaboración se realicen na mesma zona xeográfica".

"Cultivando trigo do país cumpriríanse moitos obxectivos, tanto para a economía do pan como do turismo, porque aquí vén un turismo cultural que se preocupa, que pregunta por todo e que vén de todas partes do mundo, xa que San Cristovo de Cea é parada obrigada da Ruta da Prata", sinala Elvira Fernández.

Boa disposición

Como recoñece, a disposición por parte da poboación "é boa, pero se llo di o alcalde sería aínda mellor". A concelleira nacionalista pon como exemplo unha das últimas actuación da Administración no concello. "Expropiaron as mellores terras para facer unha estrada que non nos achegou nada e a xente nin sequera reclamou un prezo xusto. A maioría asinou o que lle ofrecía a empresa. O dos cultivos poderíase facer se houbese vontade política", afirmou. 

"A maioría da xente coa que falamos está disposta a ceder as súas terras para que as traballen outras persoas. Ademais, teñen o respaldo do banco de terras. Xuridicamente está avalada a operación e a xente non vai perder a súa propiedade, que polo menos deixaría de estar a monte". "Falta o cultivo. O outro xa está", incidiu Fernández.

Nesta liña, a impulsora da moción cre que a aposta neste cultivo "sería moi sinxela, porque o mercado está asegurado xa". De feito, propón a creación dunha cooperativa con xente nova "e seguramente poderíanse abrir máis fornos porque ─insiste─  o pan ten moi boa saída no mercado".

Porén, segundo denuncia o grupo municipal, "seguiremos a gastar en apagar lumes, cos camiños tupidos e a paisaxe deteriorada, sen conseguir unha Denominación de Orixe Protexida para o noso pan, sen lograr fechar o ciclo produtivo".

"Seguiremos tamén vendo a dexeneración dun patrimonio etnográfico composto por muíños e fornos en ruínas, porque os que teñen a obriga de facelo non lle dan importancia", conclúe a concelleira.

Comentarios