Segue a rutina de gobernar sen considerar á corporación

O Alcalde rexeita as propostas do BNG

Outro pleno sen ningunha proposta do grupo de goberno, só a toma de posesión do novo concelleiro como substituto do falecido José Paz Vázquez.

A moción do grupo nacionalista “PARA QUE O CONCELLO ADOPTE MEDIDAS NA PREVENCIÓN DE LUMES, FOMENTE UNHA XESTIÓN INTEGRAL DO MEDIO E A RECUPERACIÓN DO RURAL” foi o único tema de posible debate. Para rogos e preguntas do BNG só ouvidos xordos.

Como ven sendo habitual, o alcalde rexeita as propostas do BNG  e fai caso omiso dos rogos e preguntas, sen aportar solución algunha

Outra vez un pleno sen ningunha proposta do grupo de goberno, só a toma de posesión do novo concelleiro como substituto do falecido José Paz Vázquez. A moción do grupo nacionalista “PARA QUE O CONCELLO ADOPTE MEDIDAS NA PREVENCIÓN DE LUMES, FOMENTE UNHA XESTIÓN INTEGRAL DO MEDIO E A RECUPERACIÓN DO RURAL” foi o único tema de posible debate.

Neste punto o voceiro do BNG presentou unha proposta ampla na que instaba ao concello a mover ficha diante da vaga de lumes que ven asolando Galiza, en particular á provincia de Ourense e recentemente tamén a Cea, lembrando que “na mente de todos está presente o lume de 2017 que asolou a zona norte do concello, e seguimos igual sen tomar medidas”. Para o BNG é necesaria unha política integral, un cambio estrutural que implica unha concentración de terras e un reordeamento na política agro-forestal que posibilite a recuperación ambiental e a revitalización socioeconómica do rural.

En primeiro lugar, na moción solicitaba a creación de unha brigada municipal permanente para prever e afrontar os lumes, aproveitando as axudas da Xunta que ademais contemplan a obtención de unha motobomba propia e as rozas de tantos camiños e áreas públicas atuídas. Fóra da etapa estival, esta brigada realizaría labores de vixiancia e prevención, efectuando rozas dos camiños e espazos públicos, facilitando o acceso ás fincas particulares, etc.. Dado que o concello non está sendo atendido pola empresa Seaga, esa brigada podería efectuar tamén traballos de limpezas para os particulares que precisen, que non teñen a quén acudir, a prezos non superiores aos da propia Seaga.

Ademais pedía, que o concello instara á Xunta a pór en marcha un fondo de recuperación económica, social e ambiental para paliar os danos causados polo lume, coa mínima burocracia posíbel, así como desenvolver un plan de emprego verde para a restauración ambiental das áreas afectadas e impulsar a revitalización socioeconómica do rural con unha xestión axeitada do monte, promovendo unha mellora nos servizos, axudas aos concellos e alternativas sostibles que fomenten a mobilización das terras e a produción de alimentos.

Por último, propuña que o  concello  promova a concentración de terras e os accesos ás parcelas e montes utilizando os fondos europeos e as axudas de Goberno, Xunta e Deputación, ata agora infrautilizadas. Demandaba a asunción de responsabilidades políticas por parte dos responsables da Xunta e Goberno; rematando con unha petición para que o concello se adhira ás mobilizacións convocadas tanto para esixir responsabilidades como para reparar danos. (enlace coa moción)

A proposta foi denostada e rexeitada polos votos do PP, aproveitando o alcalde para sacar peito polo segundo el ven sendo un inxente esforzo coa repetida presenza no lugar dos feitos (,,, sobre todo á hora da foto).

Tras un rogo da concelleira do BNG para gardar un minuto de silencio pola situación en Palestina, que non foi admitido polo alcalde ata facelo extensible a todos os demais conflitos vixentes na orbe, toda a corporación gardou ese minuto.

Outros rogos e preguntas do  BNG, tiveron a negativa por resposta ou fuxidas cara outro lado, así:

-Sobre se existe algunha iniciativa para dinamizar o polígono industrial; o conto de sempre: hai unha grande empresa interesada, pero non se pode publicar o nome.

-Sobre o abastecemento de augas os lugares da parroquia de Lamas, o mesmo do ano pasado, seguen sen facer nada e culpan aos veciños polo  mal uso.

-Sobre a falla repetida no subministro de auga a Vilaseco, que teñen calculada capacidade suficiente para os residentes habituais e non contemplan aos novos veciños, culpando tamén á veciñanza polo mal uso.